CRTVG

Buscar

Feijóo anuncia medidas "máis restritivas" tanto de mobilidade como por sectores

Publicado o 12/01/2021 14:33

O presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo advertiu este martes de que a situación pola covid−19 seguirá deteriorándose durante as próximas semanas e anticipou que a terceira vaga será "superior" á segunda, cuxo pico se rexistrou o pasado mes de novembro.

"Non hai máis novidades que confirmar que desde hai tres ou catro días a incidencia está a subir e o incremento na positividade de PCR e de novos casos a tres, sete e 14 días de forma seguida e constante e vai durar polo menos este mes de xaneiro", dixo nun acto en Santiago.

Segundo os últimos datos do Servizo Galego de Saúde, a escalada de contaxios por covid−19 en Galicia segue o seu curso e xa ascende a 8.810 a cifra de casos activos, 560 máis ca no anterior reconto, tras contabilizarse 844 novos positivos, 142 máis.

Hai apenas unha semana, a comunidade autónoma galega acumulaba 5.991 contaxios activos, 426 máis que o 23 de decembro, véspera das festas do Nadal.

Núñez Feijóo avanzou que as medidas que adoptará na reunión o comité clínico e que serán comunicadas mañá mércores, previsiblemente por el mesmo, serán proporcionais á situación actual e, por tanto, "máis restritivas", aínda que non profundou en cales poden ser.

Si que insistiu en que o comité asesor traballa con independencia e rigor e atendendo a criterios epidemiolóxicos, que son os que orientan as súas recomendacións ao Goberno galego.

As novas medidas entrarán en vigor probablemente o venres, segundo avanzou Núñez Feijóo, que citou entre os sectores en que a Xunta pode actuar os ximnasios ou as salas de xogos, ademais da hostalería.

Na súa intervención explicou que "a vaga chega agora", pero veuse formado, tanto en Galicia coma noutras comunidades autónomas e outros países, durante as últimas semanas.

Volveu cargar contra o concepto de "achegados" permitido polo Goberno para as reunións do Nadal, xa que supoñía "un risco moi alto", e insistiu en que a Xunta se mostrou partidaria dunha única unidade de conviventes ou dúas "como máximo".

Núñez Feijóo recoñeceu que cun confinamento xeral a nova onda "duraría menos tempo", pero asegurou que é preciso seguir "traballando, estudando e mantendo as actividades esenciais", polo que a "gran materia" da que se examinarán nas próximas semanas será facer compatible a redución da curva de contaxios co mantemento destas actividades.