CRTVG

Buscar

Feijóo achaca os "problemas" industriais ao "caos enerxético" do Goberno

Publicado o 23/10/2019 16:13

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recoñeceu este mércores os "problemas nalgunhas empresas" en Galicia aínda que considerou que se deben "ao caos enerxético" do Goberno.

Durante a sesión de control, o presidente galego lembrou a proposta feita pública onte para lograr un prezo competitivo da electricidade e que os partidos a inclúan nos seus programas ante as próximas eleccións xerais.

Deste xeito, incidiu, poderíanse salvar os empregos de empresas como Alcoa e outras compañías que teñen no custo da enerxía uno dos seus hándicaps para ser competitivos.

O viceportavoz do grupo Común da Esquerda, Antón Sánchez, incidiu en que son as "decisións" da propia Xunta as que fixeron que Galicia "estea nunha crise industrial sen precedentes, pola súa inoperancia e non só".

Sánchez criticou a perda de empregos industriais coa Xunta e cualificou a este goberno como "inútil" para os traballadores das empresas auxiliares de R, de Isowat, de Endesa ou de Vulcano, entre outras, xa que "non están entre as súas prioridades".

Núñez Feijóo reprochou ao deputado do grupo Común da Esquerda que "falsee" os datos de emprego industrial e recriminoulle que non fale de "os 2.000 millóns" de euros que outras empresas en Galicia que non pasan por problemas están a investir en ampliacións e outros proxectos.

"O problema que ten Galicia é o caos enerxético do goberno socialista", aseverou Núñez Feijóo, que afirmou que a este grupo "non lle importa" Galicia e unicamente tentan "buscar uns cantos deputados en Madrid".

Ademais, nun debate posterior, o presidente galego e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, encerelláronse nunha discusión sobre que partido PP ou PSOE representa mellor a centralidade, tanto en Galicia como no conxunto de España.

Gonzalo Caballero recriminou a Núñez Feijóo que senta "cómodo" coa "viraxe á ultradereita" do PP de Pablo Casado e asegurou que "a centralidade é resolver os problemas do país", unha cuestión que na súa opinión non fai o presidente galego.

"Vostede preséntase como un Gallardón, que parece moi moderno, pero que igual que el representa á dereita reaccionaria, en Galicia e en España", sinalou.

Núñez Feijóo replicou ao líder dos socialistas galegos que "non entende a centralidade", xa que carece dun proxecto para o país, ao contrario que el, que segue traballando para que Galicia "non se pare pola parálise e o bloqueo" do PSOE no Executivo central.

En calquera caso, asegurou que "o centro, a centralidade, os problemas de Galicia" están nas bancadas que ocupa o PP no Parlamento. "Por iso nos deron ese centro, o da maioría dos votos para seguir gobernando", continuou Núñez Feijóo.

Para o presidente galego, "quen goberna con soberanistas, populistas e independentistas" como sostén que fai o PSOE "non poden dar ningunha lección de centralidade" e instou os socialistas para romper os acordos de goberno con formacións independentistas en Cataluña.

Núñez Feijóo censurou, ademais, que Caballero confunda "centralismo con centralidade", xa que cada vez que fala "parece un altofalante con bluetooth de Ferraz".

"Parece que o seu obxectivo é ser servil co Goberno de España e non servicial cos traballadores de Galicia; eu son servicial cos traballadores de Galicia e non son servil con ningún goberno de España, sexa o que sexa". 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí