CRTVG

Buscar

Falecen tres persoas en Lugo, o que eleva a 659 a cifra de mortos pola pandemia en Galicia

Publicado o 05/09/2020 21:22

Os últimos datos ofrecidos polo SERGAS dan conta do falecemento de tres mulleres de 82, 86 e 87 anos de idade nas últimas horas. As tres estaban ingresadas no hospital Lucus Augusti de Lugo e presentaban patoloxías previas.

Dúas delas, as de 86 e 87 anos corresponden a mulleres que procedían da residencia do Incio, polo que xa se elevan a catorce as vítimas desta institución finadas con coronavirus.

Por outra parte, aumenta nas últimas horas o número de pacientes nas unidades de coidados intensivos, onde hai 17 ingresados. Tamén soben os hospitalizados en planta, 177 neste momento e os que pasan a enfermidade na casa son 3.943, 47 máis ca onte.

En total, hai 4.137 casos activos, con 293 positivos nas últimas horas. 

Os casos activos aumentan en todas as áreas sanitarias. A da Coruña segue encabezando as cifras, aínda que lidera tamén o número de altas, con 98 curacións nesta xornada. Lugo con 804 e Santiago con 677 casos moderan o ascenso que tiveran nos últimos días.

Pontevedra é a área que máis novos activos sumou desde onte, 29, ata chegar aos 308. Unha cifra similar á de Vigo, que ten 337, con 10 casos novos.

Coas tres mortes deste sábado son xa 40 as persoas falecidas nesta segunda vaga desde o sete de agosto, e 659 os mortos con coronavirus rexistrados en Galicia.

O número de probas realizadas nas últimas 24 horas supera as 4.700.