CRTVG

Buscar

Galicia rexistra oito vítimas mortais, e a cifra de novos positivos volve roldar os 600

Publicado o 25/10/2020 21:24

Das oito vítimas rexistradas este domingo, dúas vivían no xeriátrico dos Gozos, no Pereiro de Aguiar; outra no da Nosa Señora do Viso, en Lobeira, e outra na DomusVi de Oleiros. Tres homes máis de 67, 78 e 94 anos faleceron durante esta xornada no hospital de Ourense e unha muller de 85 no de Pontevedra. En total, desde o venres rexistráronse nove mortes, que elevan o total a 868.

Segundo os datos ofrecidos pola Consellería de Sanidade, Galicia chegou esta fin de semana aos rexistros máis altos de casos activos e novos positivos de toda a pandemia. Os casos detectados por PCR o sábado ata as 6 da tarde son 597.

Descenden respecto á xornada anterior, pero aínda así segue sendo o segundo día con máis de 600 casos positivos. Vigo, A Coruña e Santiago rexistran de novo as cifras máis altas, por enriba dos 100. Ourense computou 94 casos e Lugo 64. Pontevedra suma un máis ca onte, e Ferrol volve roldar os 50. Son os resultados de dous días que tamén baten marcas no tocante ao número de probas realizadas, que no último día volveron aproximarse ás 8.500.

O número de pacientes con infección activa é de 6.431. A maioría pasa a enfermidade no seu domicilio, aínda que a presión hospitalaria segue aumentando: ingresaron oito infectados máis en planta e tres nas UCI. As áreas sanitarias que máis hospitalizados continúan tendo son a de Ourense, que rexistra en total 103, con 13 pacientes en coidados intensivos e 90 en planta, e a de Santiago, con 80, nove deles na UCI.