CRTVG

Buscar

Falecen dous anciáns das residencias do Incio e de Outeiro de Rei pola covid−19

Publicado o 06/09/2020 21:14

A cifra de vítimas mortais en Galicia elévase a 661, despois de coñecerse a morte esta tarde doutras dúas persoas no hospital de Lugo. Son unha muller de 89 anos procedente da residencia DomusVi Lugo de Outeiro de Rei e un home de 88 residente na do Incio. Con estes novos falecementos, o número de vítimas polo coronavirus nesta vaga é de 42 persoas desde a segunda fin de semana de agosto.

Ata última hora de onte nos xeriátricos galegos había 162 maiores infectados: 82 no Incio, 46 en Outeiro de Rei, 30 na residencia Orpea da Coruña e 4 na DomusVi Lalín. O número de traballadores positivos era de 66, distribuídos en vinte e unha residencias e tres centros de atención a persoas con diversidade funcional.

En canto aos pacientes ingresados ata este mediodía, mantíñase o número de casos nas unidades de coidados intensivos, 17, e subían en dez os hospitalizados en planta, ata os 187. Aumentou tamén a cifra de persoas infectadas que se recuperan nas súas casas, que son 3.971.

Segundo os datos da Consellería de Sanidade nesta xornada hai 4.175 casos activos, e destes 252 son novos. Na área sanitaria da Coruña, a máis afectada, comezan a descender as cifras, con 22 casos menos, mentres que nas outras aumentan lixeiramente. Pontevedra volve ser a área que máis activos sumou, con 15 máis ca onte.

O número de PCR feitas nas últimas horas supera as 4.900.

Noticias web

06/09/2020