CRTVG

Buscar

Falecen 23 persoas nunha explosión de aire acondicionado nunha mesquita bangladesí

Publicado o 05/09/2020 13:10

O número de falecidos nun incendio orixinado polo estoupido duns aparellos de aire acondicionado nunha mesquita de Bangladesh aumenta este domingo a 23 mentres polo menos 14 afectados continúan en estado crítico. Seis máquinas de aire acondicionado estouraron cando os fieis se dispuñan a recitar as súas oracións do venres. Na mesquita en Fatullah había nese momento entre 40 e 45 persoas.

Todo parece indicar que o sucedido se debeu a unha fuga de gas baixo a mesquita. As autoridades desbotan que se trate dun atentado. A maioría dos feridos están graves na unidade de queimados do hospital de Dacca. Sucesos relacionados con fugas de gas ocorren con frecuencia en Bangladesh debido ás condicións precarias das infraestruturas e ás insuficientes medidas de seguridade.

Noticias web

05/09/2020