CRTVG

Buscar

Falecen 4 persoas con covid-19 en Galicia nunha xornada con récord de contaxios diarios

Publicado o 31/10/2020 22:02
Falecen 4 persoas con covid-19 en Galicia nunha xornada con récord de contaxios diarios

Sanidade informa do falecemento nas últimas 24 horas de 4 persoas diagnosticadas con covid-19 nos hospitais galegos. Así a cifra total de mortos desde marzo é de 914.

Nunha xornada en que houbo 755 novos positivos en Galicia, a cifra máis alta de infeccións diarias desde o comezo da pandemia no mes de marzo. Os casos activos sitúanse así nas 8.762 persoas con covid-19. Segue a preocupar a presión hospitalaria, aínda que diminúe un pouco o número de persoas hospitalizadas, que son 405, pero mantense a ocupación nas UCI con 69 pacientes que precisan coidados intensivos.

Canto ás probas PCR superáronse por primeira vez en toda a pandemia as 10.000 diarias.

Por áreas sanitarias existe especial preocupación en Vigo, onde hai 214 novos casos confirmados por PCR e son xa 1.924 os contaxiados activos, a cifra máis alta de Galicia, con 63 persoas hospitalizadas e 8 en UCI. Tamén sobe na Coruña con 130 positivos máis e 1.473 casos activos con 96 hospitalizados e 12 na UCI. A área de Lugo tamén empeora os datos con 119 novos positivos e 894 pacientes coa infección activa. Hai 32 hospitalizados e 3 en UCI.

En Santiago tampouco se estabilizan as cifras e son 84 novos casos con 1.349 activos. Son 66 os hospitalizados en planta e 12 en UCI. En Ferrol son 807 os pacientes coa infección activa e 64 os novos casos con 30 ingresados en unidades de hospitalización e 7 en UCI. En Ourense con 1.397 casos activos houbo 91 positivos nas últimas 24 horas con 65 hospitalzados e 20 persoas nas UCI, a cifra máis alta de Galicia. Pontevedra sumou 53 positivos con 918 casos activos, con 53 persoas en planta e 7 nas UCI.