CRTVG

Buscar

Un home de 61 anos falece nunha colisión entre dous coches en Cerceda

Publicado o 21/12/2020 21:09
Un home de 61 anos falece nunha colisión entre dous coches en Cerceda

Un home de 61 anos faleceu e outra persoa quedou ferida grave este luns nunha colisión frontal entre dous turismos no municipio coruñés de Cerceda, informaron o 112 Galicia e a Garda Civil. 

Os feitos ocorreron na AC-413, na parroquia de Rodís, ás 19.25 horas desta tarde, momento en que varios particulares contactaron con Emerxencias para dar conta do accidente. 

O home que faleceu tiña 61 anos e conducía un dos turismos, mentres que o condutor do outro coche, de 31 anos, foi evacuado ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC). 

Desde o 112 pasouse o aviso aos servizos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Ordes, á agrupación de Tráfico da Garda Civil e aos voluntarios de Protección Civil.