CRTVG

Buscar

Falece unha motorista de 34 anos de Fene ao saír da vía en Piñor de Cea

Publicado o 19/03/2019 21:11

Unha muller motorista de 34 anos faleceu esta tarde nun sinistro na N-525 ao seu paso polo concello ourensán de Piñor. A condutora da motocicleta, natural de Fene, saíu da vía por causas que se descoñecen, bateu contra un sinal de tráfico e despois chocou contra un farol. Levaba o casco posto, pero morreu no acto.

Así quedou a motocicleta que conducía a moza falecida de 34 anos, natural de Fene, A Coruña. Ocorreu na N.525 en sentido a Benavente ao seu paso polo municipio ourensán de Piñor. Viñera con tres amigos e o seu mozo facer unha ruta por Ourense, cando, por causas que se descoñecen, saíu da vía e bateu contra este sinal de tráfico. Recibiu un forte golpe na cabeza e, malia que levaba o casco posto, faleceu no acto.

Ademais da Garda Civil Tráfico e Protección Civil, trasladouse ata o lugar o helicóptero do 061, pero xa non puideron facer nada pola vida da moza. En principio, a velocidade non parece ser a causa do sinistro. A Garda Civil de Tráfico investigará o ocorrido.

Con esta xa son 3 as persoas que morreron nunha moto este ano nas estradas na provincia de Ourense.




 

 

Noticias web

19/03/2019