CRTVG

Buscar

Segue activo o incendio de Lobios en que faleceu o piloto dun hidroavión portugués

Publicado o 09/08/2020 10:13

• A superficie afectada ascende a 350 hectáreas

• Estabilizado o incendio de Toén, tras arrasar 250 hectáreas

O incendio que afecta a Lobios, no transfronterizo Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Gerês-Xurés segue activo e xa arrasou 350 hectáreas. Así o confirman os últimos datos achegados pola Consellería de Medio Rural.

Neste incendio faleceu un dos pilotos da aeronave sinistrada mentres traballaba na extinción do lume. O outro resultou ferido grave. 

O helicóptero Pesca I tivo que evacuar do lugar do accidente, o piloto, que sofre numerosos traumatismos. Outro helicoptero medicalizado dos servizos de emerxencias portugueses trasladouno ata a hospital de Viana onde permanece ingresado. O ferido é un cidadán español de 35 anos. Menos sorte tivo o copiloto do hidroavión, un cidadán portugués de 65 anos, que morreu a pesar das manobras de reanimación dos equipos médios desprazados á zona. O conselleiro do medio rural, que se achegou a Lobios, solidarizouse coa familia e destacou o traballo dos equipos que loitan contra o lume.

"Unha das cuestións que estamos trasladando sempre como responsbles do servizo de extinción, que cando alguén intencionadamente provoca un incendio pode causar danos non só nos bens, tamén nas persoas", afirma José González, conselleiro de Medio Rural en funcións.

Non foi doado acceder ao lugar, unha zona montañosa do parque natural da Baixa Limia-serra do Xurés. Un vídeo gravado polos bombeiros Brif de Laza mostra o aparello que se esnafrou mentres traballaba na extinción do incendio forestal de Lobios. Segundo parece, o hidroavón, propiedade dunha empresa civil de Salamanca alugado polas autoridades portuguesas, non puido superar unha altura e quedou na ladeira dunha montaña coa cabina desfeita e provocando un pequeno incendio que xa foi extinguido.

Para determinar as causas do accidente haberá que agardar a coñecer os resultos da investigación aberta polas autoridades españolas en colaboración coas do veciño Portugal. A Xunta confirmou que o lume entrou en Galicia desde a parte portuguesa, que comezou as oito da mañá e que permance activo.

 

Noticias web

09/08/2020