CRTVG

Buscar

Investigan a morte dun peregrino tras golpearse nunha liorta en Pontevedra

Publicado o 28/08/2019 21:13

O peregrino falecido é de orixe alemá e tiña 42 anos. Formaba parte dun grupo que estaba facendo o Camiño Portugués. Hai dúas semanas, viuse implicado nun enfrontamento con varias persoas ás portas dun pub de Pontevedra. Acabou caendo e batendo coa cabeza no chan. Malia a aparatosidade do golpe, non presentaba ningunha ferida visible e rexeitou recibir asistencia médica.

De Pontevedra marchou cara a Caldas de Reis, onde estaba aloxado. Pasadas as horas, comezou a convulsionar. Foi atendido nun primeiro momento no centro de saúde de Caldas e, despois, foi derivado primeiro ao hospital Montecelo de Pontevedra e logo ao Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde faleceu despois de dúas semanas en coma.

Todo apunta a que a causa da morte foi o traumatismo no cranio sufrido ao golpear a cabeza contra o chan ás portas do pub. Será a autopsia quen o confirme. De momento, a Policía Nacional de Pontevedra abriu unha investigación para aclarar as circunstancias da morte. Os axentes buscan testemuñas do suceso. Tratan de identificar os participantes no enfrontamento e saber se o peregrino caeu ao chan accidentalmente ou se foi tras ser agredido.

Noticias web

28/08/2019