CRTVG

Buscar

Falece un home en Cervo tras ser rescatado do mar na praia do Torno

Publicado o 28/12/2019 10:27
Falece un home en Cervo tras ser rescatado do mar na praia do Torno

Os servizos sanitarios non puideron facer nada por salvarlle a vida, malia que estiveron durante máis dunha hora practicandolle a reanimación cardiopulmonar. O home, segundo informa o 112 Galicia, foi rescatado da auga ás seis da mañá, despois da chamada dun particular que alertou que estaba bañándose e que o perdera de vista.

De inmediato, púxose en alerta o persoal de Salvamento Marítimo, servizo de Gardacostas de Galicia, Garda Civil e GES de Cervo. Ao parecer, no momento do suceso había outras persoas en terra, pero a corrente arrastrou o desafortunado nadador lonxe da praia ata unha zona lonxana.

Unha vez localizado, foi rescatado polo helicóptero Pesca 2, que o aproximou ata a praia do Torno, fronte á praza dos Campos, en Cervo, onde os servizos sanitarios o agardaban pero, finalmente, nada puideron facer por salvarlle a vida.