CRTVG

Buscar

Falece un mozo de 19 anos tras chocar o coche que conducía contra un muro en Gondomar

Publicado o 29/12/2019 09:50

O accidente tivo lugar pouco antes das cinco da mañá na PO-340, na recta da Ramallosa, que une Gondomar con Nigrán, cando o vehículo saíu da vía e foi contra o muro desta vivenda. Os servizos de emerxencia desprazados no lugar confirmaron o falecemento do mozo, o condutor do vehículo. Ademais, os outros tres ocupantes, de entre 16 e 18 anos, tiveron que ser liberados. Foron evacuados polos servizos sanitarios ao hospital Álvaro Cunqueiro.

Noite tráxica no concello de Gondomar, preto de Vigo, en que as estradas cobraron a vida dun mozo de dazanove anos. El era o que conducía o coche, que sobre as cinco desta mañá, por causas que se están investigando, saíu da estrada na recta da Ramallosa, na vía que xunta Tui e Nigrán. No interior ían outros tres mozos.

Óscar Álvarez, dos Bombeiros do Porriño, relataba que foi "un accidente cun só vehículo implicado, cunha saída de vía polo seu lado dereito, no cal ía catro ocupantes, tres rapaces na parte traseira do vehículo e un único condutor. Duas das rapazas saíron polo seu propio pé, pero houbo que liberar unha das rapazas da parte traseira e o condutor".

O coche deixou unha freada duns trinta metros antes de saír da vía pola marxe esquerda e bater contra o muro dunha casa que derrubou por completo. O condutor, un rapaz natural de Baiona, levou a peor parte, e aínda que levaba o cinto posto, os servizos de emerxencias non conseguiron salvarlle a vida. Bombeiros do Porriño e o Ges de Val Miñor tiveron que liberar outra moza, que foi evacuada cos outros dous pasaxeiros ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo con feridas de diversa consideración. Dende o Destacamento de Tráfico do Porriño recomendan prudencia nas estradas.

"Nestas datas recomendamos aos condutores que extremen as precaucións, que non collan o coche se inxeriron bebidas alcólicas ou drogas, e que toda precaución é pouca", apunta Daniel Castelo, sarxento da Garda Civil do Porriño.

Pouco tempo despois e só a dez quilómetros deste accidente, xa no termo municipal de Tui, outro coche conducido por un mozo botábase fóra da estrada. Aínda que o coche quedou seriamente danado, pero o condutor só sufriu feridas leves.

 

Noticias web

29/12/2019