CRTVG

Buscar

Falece un home tras bater o seu coche contra un poste da luz en Verín

Publicado o 16/01/2021 10:42

 

 

 

Os tres graos baixo cero e a mesta néboa non resultaban as mellores condicións para conducir esta madrugada pola estrada Nacional 532, que xunta Verín coa fronteira portuguesa. Precisamente foi nesta vía, á altura do quilómetro 9, cando o coche guiado por un veciño da localidade verinesa de Tamagos sufría unha saída de vía, preto das dúas da mañá.

O turismo botouse da estrada, desprazouse uns trinta metros polas silvas e acabou impactando violentamente contra a torreta da luz. Cando os servizos de emerxencias chegaron ao lugar atoparon o vehículo espetado contra o poste do tendido e o seu único ocupante atrapado no interior. Malia os auxilios médicos, o condutor falecía no punto do accidente.

Ao lugar desprazáronse equipos da Garda Civil de Tráfico de Verín así como os Bombeiros da vila, que se encargaron de sacar o condutor do coche, tras aseguraren o poste eléctrico que ameazaba con caer sobre o vehículo. Os veciños aseguran que a zona é moi perigosa, xa que os turismos circulan a moita velocidade, malia ser un tramo con velocidade limitada.


A Garda Civil confirmou que o finado tiña retirado o carné de conducir ata agosto deste ano por mor dunha sentenza xudicial.