CRTVG

Buscar

Falece o ex-presidente exipcio Hosni Mubarak

Publicado o 25/02/2020 12:36
Falece o ex-presidente exipcio Hosni Mubarak

O ex-presidente exipcio, Hosni Mubarak, faleceu hoxe despois de ser sometido a unha operación e permanecer un mes en coidados intensivos, informou a televisión estatal exipcia.

A canle pública anunciou a morte de Mubarak cunha breve alerta e sen ofrecer máis detalles sobre as causas da súa defunción, aínda que membros da súa familia e o seu avogado dixeran recentemente que o ancián ditador atopábase en coidados intensivos nun hospital das Forzas Armadas.

O pasado mes de xaneiro fora sometido a unha operación e permanecía hospitalizado afectado por doenzas gastrointestinais.

Mubarak gobernou Exipto con man de ferro desde que asumiu a presidencia en 1981 tras o asasinato a mans de extremistas do seu antecesor, Anuar al Sadat, ata que foi forzado a abandonar o poder o 11 de febreiro de 2011 tras 18 días de protestas nas rúas do país.

Despois da revolta popular, o derrocado presidente foi xulgado pola morte de preto dun milleiro de manifestantes na represión das manifestacións na súa contra, pero finalmente foi declarado inocente por ese delito en 2014.

Mubarak si cumpriu condena por delitos económicos e quedou en liberdade en 2017, despois de ao redor de seis anos en prisión, que pasou case na súa maioría no hospital debido ao seu delicado estado de saúde.

Desde que foi excarcerado, levaba unha vida moi discreta afastado dos focos dos medios de comunicación, aínda que a prensa local conseguiu captar algunha imaxe do ex-presidente xunto á súa familia e, a pesar da súa avanzada idade, aparecía san e sereno.

A súa última imaxe con vida foi publicada polo seu neto, Omar Alaa Mubarak, na rede social Instagram a principios de febreiro e nela aparecía deitado nunha cama, co pelo completamente  cano e moi avellentado.