CRTVG

Buscar

Falece o ex-presidente do PNV Xabier Arzalluz aos 86 anos

Publicado o 28/02/2019 21:01

Foi o PNV quen informou da morte de quen durante case 30 anos foi o seu dirixente indiscutido. Xabier Arzalluz faleceu na súa casa de Bilbao. Tiña 86 anos e levaba 15 afastado da política. A formación jeltzale salientou o seu papel na construción do Euskadi actual.

Íñigo Urkullu, lehendakari: "Foi un abertzale grande, unha persoa cunha mente brillante, unha personalidade brutal, cunha entrega absoluta, total, pola causa do pobo vasco".

Isabel Celaá, voceira do Goberno: "Foi unha figura política moi relevante no panorama vasco, na transición da ditadura á democracia e na articulación da autonomía vasca".

Pero a impronta daquel avogado de sólida formación xesuíta foi máis aló do País Vasco. E iso que o único cargo institucional que ocupou foi o de deputado durante 3 anos nas primeiras cortes democráticas. Desde a presidencia do PNV, converteuse nun dos rostros icónicos da política española dos 80 e dos 90. Arzalluz foi tan propenso á polémica como astuto á hora de tecer alianzas de conveniencia. Pactou con Felipe González e con José María Aznar, ata que co cambio de século se escorou cara ás posicións máis radicais que encarnaba o plan Ibarretxe. O daquela lehendakari foi tamén quen forzou o seu retiro en 2004 que xa non abandonaría. Entérrano o sábado na súa Azcoitia natal.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

28/02/2019