CRTVG

Buscar

Morre un condutor kamikaze na A-6 e deixa catro feridos dunha mesma familia

Publicado o 03/06/2019 10:23

Un condutor de 66 anos morreu esta noite ao bater con outro turismo na autovía A-6 á altura de Betanzos despois de conducir uns catro quilómetros en dirección contraria. Supostamente, o home tivera un pequeno accidente momentos antes, e meteuse na autovía polo carril contrario ata que acabou chocando contra outro coche preto da saída de Coirós.

Neste último vehículo viaxaba un matrimonio con dous nenos de catro anos. Un dos ocupantes quedou ferido grave.

No quilómetro 564, preto da saída de Coirós, un vehículo en que viaxaba un matrimonio de Vilalba con dous nenos pequenos atopábase de súpeto con outro turismo que circulaba en dirección contraria e que non puido evitar. 

O xefe do Destacamento da Garda Civil de Tráfico da Coruña, o tenente José Manuel López Santiso, asegurou que empezaron a recibir avisos dun vehículo circulando en dirección contraria sobre as 22.40.

"Aos poucos minutos xa se soubo que se producira unha colisión frontal entre dous turismos, un que supostamente circulaba en dirección contraria e outro que ía en sentido correcto", afirma.

A colisión foi brutal

O coche que circulaba en dirección contraria quedou coa parte frontal totalmente esmagada. O condutor, un veciño de Irixoa de 66 anos, faleceu practicamente no acto. Os primeiros indicios apuntan a que non levaba o cinto de seguridade. O outro vehículo caeu no desnivel da mediana. A condutora e os dous nenos quedaron feridos leves, pero o acompañante tivo que ser liberado polos bombeiros de Betanzos e trasladado a un centro hospitalario en estado grave.

As primeiras indagacións apuntan a que o condutor falecido se incorporou á autovía catro quilómetros antes. Supostamente, tivera un pequeno accidente nun establecemento próximo á vía antes de entrar na A-6 en sentido contrario. A Garda Civil de Tráfico empezou a recibir avisos dalgúns condutores alertando dun kamikaze, pero os axentes non tiveron tempo de evitar a colisión.

A estrada quedou cortada durante catro horas, aínda que se puido desvíar o tráfico por unha área de descanso próxima.

 

Noticias web

03/06/2019