Falece o alcalde de Tordoia, o popular Antonio Pereiro, por unha enfermidade

O alcalde de Tordoia, o popular Antonio Pereiro Liñares (1950), faleceu este luns aos 68 anos como consecuencia dunha enfermidade, despois de permanecer á fronte do Concello con maioría absoluta desde as eleccións de 1999.
O velorio ten lugar no tanatorio de Ponte Pedra, en Cabaleiros, no propio municipio de Tordoia. O funeral e enterro serán este martes ás 17,00 horas, na igrexa parroquial de San Xulián de Cabaleiros.
Tras coñecerse a noticia, o presidente da Xunta e do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, publicou unha mensaxe en Twitter en que envía todo o seu "afecto" á familia do rexedor e aos veciños deste municipio coruñés.
"Todo o meu afecto para a familia de Antonio Pereiro Liñares e tamén para os veciños de Tordoia que perderon o seu alcalde. Descanse en paz", chiou.
Tamén o fixo o presidente provincial do partido na Coruña, Diego Calvo, quen lamentou que sempre "se van antes de tempo os bos e xenerosos".