CRTVG

Buscar

Falece aos 80 anos a investigadora Margarita Salas

Publicado o 07/11/2019 16:11

A investigadora Margarita Salas, unha das principais referencias da ciencia española durante as últimas décadas, faleceu hoxe aos 80 anos de idade, segundo confirmaron a EFE fontes do Centro de Bioloxía Molecular Severo Ochoa.

Margarita Salgas, quen traballou xunto ao nobel Severo Ochoa na Universidade de Nova York, desenvolveu o seu labor investigador no campo da bioquímica e a bioloxía molecular, e era académica da Ciencia e da Lingua de España.

A súa é a patente da ADN polimerasa Phi29, unha enzima moi importante pola súa capacidade para producir copias xenéticas de forma precisa. Unha das patentes máis rendibles do CSIC. Discípula de Severo Ochoa, Salas foi desde os comezos pioneira e primeira: primeira en presidir o Instituto de España, primeira española en ingresar na Academia das Ciencias dos EUA, primeira científica en entrar na Real Academia Española da Lingua e primeira muller en recibir a medalla Echegaray, outorgada pola Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais.

Un suma e sigue de recoñecementos que culminaban hai só uns meses co Premio da Oficina Europea de Patentes na categoría de 'Logros a toda unha vida'. Unha vida pegada á ciencia desde ben cativa, filla dun médico asturiano que a alentou sempre nunha profesión que está hoxe de loito logo de que nos deixara en Madrid aos 80 anos de idade. Pioneira e primeira, referente internacional, referente tamén das mulleres no campo da ciencia.