CRTVG

Buscar

Facenda publica a súa listaxe de morosos, en que entra Sito Pons e saen Alves e Bosé

Publicado o 28/06/2019 12:18
Facenda publica a súa listaxe de morosos, en que entra Sito Pons e saen Alves e Bosé

O ex-piloto de motociclismo Sito Pons entrou na lista de morosos de Facenda cunha débeda de 1,9 millóns de euros, mentres que saen o futbolista Dani Alves, que o ano pasado figuraba cunha débeda de 2,6 millóns, e o cantante Miguel Bosé, que debía 1,8 millóns.

A Axencia Tributaria publicou este xoves a listaxe en que se inclúen as persoas físicas e xurídicas cunha débeda pendente de pago de máis dun millón de euros ao peche de 2018, en que seguen figurando o ex-ministro Rodrigo Rato ou Mario Conde.

Incórporase ademais Isolux Corsan Concesiones, cunha débeda de 53,9 millóns, e sae Isolux Ingeniería, mentres Isolux Corsan continúa cunha débeda de 315,8 millóns de euros.

Entre os morosos que figuraban o ano pasado e continúan este, aínda que con menor débeda, están Reyal Urbis, que reduciu a cantidade en 8 millóns ata os 353 millóns; Mario Conde, que aboou 2,6 millóns e quédanlle pendentes 12,3, e o Racing de Santander, que baixa de 4,9 a 3,2 millóns.

A pesar de reducir a súa débeda nun millón de euros, Agapito García sitúase como o maior moroso, como persoa física, con 15,9 millóns tras adiantar a Conde.

Outros que tamén figuran na listaxe son Martinsa-Fadesa (50,3 millóns), Nozar (56,8 millóns), Air Comet (13,9 millóns) Real Murcia Club de Fútbol (11,1 millóns), Xerez Club Deportivo (10,3 millóns), Club de Basquet Girona (10,1 millóns), Club Estudiantes Deportiva (8,2 millóns), Air Spanair (7,2 millóns), o aeroporto de Ciudad Real (4,6 millóns, desde los 7 do pasado ano), a presentadora Patricia Conde (1,8 millóns), Afinsa (1,5 millóns), o ex-ministro Rodrigo Rato (1 millón) ou o Real Xaén (1 millón).

Os maiores morosos da listaxe deste ano, ademais de Isolux e Reyal Urbis, son a licoreira Vittone 1842 (134,2 millóns).