CRTVG

Buscar

Expotaku presenta na Coruña as novidades do mundo manga

Publicado o 25/05/2019 23:21

Este sábado é o Día Mundial do Orgullo Friki e na Coruña podería estar o epicentro da festa. Os amantes da cultura pop xaponesa reúnense en Expotaku. O salón manga cumpre dez anos e celébrao coa maior proposta de actividades da súa historia. 

Invasión otaku en Expocoruña. Entrar no salón é transitar por un mundo paralelo, dominado pola cor e a orixinalidade, orfo de calquera prexuízo. O universo anime inspira este encontro no que reinan os cosplayers. Eles fan posible que os protagonistas dos cómics, dos videoxogos e das series animadas traspasen o papel e as pantallas e cobren vida.

O programa de actividades de Expotaku é amplísimo. Hai concursos, talleres, proxeccións, conferencias e exposicións. Hai apertas de balde para quen as precise, unha ampla zona de videoxogos e espazos para bailar coreografías xaponesas.

Tamén caben en Expotaku os artesáns e os ilustradores. Este ano uns setenta artistas forman parte do salón.

Expotaku cumpre dez anos. Na edición anterior recibiu máis de vinte mil visitantes. Improbable que exista un lugar mellor ca este para celebrar o Día Mundial do Orgullo Friki. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/05/2019