Expertos de catro continentes coñecen a actividade marisqueira no Carril
A organización do noso sector marisqueiro serve estes días de exemplo para profesionais de catro continentes. Veñen no marco dun proxecto internacional liderado por unha universidade sueca, e hoxe visitaron O Carril.
Pescan, marisquean ou estudan o sector en Europa, Asia, África e América. Participan nun estudo internacional sobre a actividade pesqueira a pequena escala e a importancia social e económica que ten nas comunidades locais, e esta semana fan escala en Galicia.
"Fundamentalmente para coñecer as transformacións exitosas e progresos que se fixeron de maneira conxunta entre o sector, a administración e os científicos aquí, dende os anos noventa ata hoxe" afirma Sebastián Villasante, profesor de Economía Aplicada da USC e anfitrión da visita en Galicia.
Veñen de Suráfrica, Vietnam, Suecia ou Chile, e hoxe coñeceron de primeira man a actividade marisqueira do Carril, que pode servirlles para darlles máis valor ás súas producións. Segundo Gloria Gallardo, que dirixe o estudo dende a universidade sueca de Södertörn, trátase de " darlle valor dunha maneira máis organizada, máis colectiva, con plantas depuradoras, de empaquetado ou de conserva"
Esta é unha oportunidade para intercambiar experiencias entre os profesionais dun sector que, segundo a FAO, xunta 40 millóns de traballadores en todo o mundo.