CRTVG

Buscar

Experimentan coa gandería rexenerativa contra o cambio climático

Publicado o 26/11/2019 20:51

Gandeiros galegos experimentan con novas formas de produción ecolóxica para combater as emisións de dióxido de carbono á atmosfera. Aseguran que, ademais de protexer o medio ambiente, son fórmulas rendibles e que lles facilitan o traballo.

Con 27 anos, Xoán González Alonso, de Vilariño de Conso, aposta pola gandería ecolóxica como medio de vida. Ten un rabaño de 330 ovellas, o 70 por cento de raza galega, e agora experimenta coa gandeiría rexenerativa. Consiste, basicamente, en respectar o ciclo natural dos prados para reducir a pegada de CO2. As ovellas pacen en espazos reducidos e durante poucos días.

"Con isto conseguimos que aproveiten toda a herba por igual, sen desgastar as pradeiras, sen sobrepastorealas, e ao mesmo tempo, introducimos moita materia orgánica no terreo".

Asegura que este sistema, en que o asesora un biólogo cunha leira experiemental en Estremadura, lle facilita a organización do traballo e lle permte, ademais, reducir gastos: "Con este sistema non fai falta nada, porque se fertilizan os prados de forma natural, reducindo moitísimo os costes de produción".

O consumo de carne, asegura, non ten por que estar enfrontado co respecto á natureza. Aposta, iso si, polo consumo de quilómetro cero.

"Temos que reducir o consumo de carnes industriais que teñen unha pegada moi grande de CO2, con pensos que veñen da Amazonia. Apostando por unha carne de comercio local, de quilómetro cero, producido todo con recursos naturais das zonas, poderiams reducir o cambio climático".

Coma el, hai outras tres explotacións en Galicia que empregan a gandería rexenerativa. Se se xeneralizara no mundo enteiro, aseguran, en 5 anos reverteríase o cambio climático.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/11/2019