Experimentan co uso de drons para fertilizar os campos de patacas
Teresa Martínez é a única muller piloto agroforestal de drons en España. A súa aposta pola implantación da agricultura de precisión levouna a contactar con varias explotacións hortofrutícolas de Coirós que están a experimentar coa aplicación de fertilizante foliar en varias plantacións. A semana pasada fixérono nunha de patacas e hoxe asistimos á aplicación deste produto nun cultivo de cebolas. Na primeira leira, de 6.000 metros, Teresa tardou 6 minutos e apenas empregou 6 litros de produto. Co método tradicional, cun tractor, tardarían 1 hora e precisarían 500 litros de produto. O aforro de custos, tempo e traballo é evidente.
Os beneficios do uso destas aeronaves na agricultura van máis alá. Tamén minimizan o impacto ambiental e reducen os riscos para os traballadores.
A tecnoloxía de precisión na agricultura empeza a abrirse camiño. Polo momento non está regulado o uso de drons para aplicar produtos fitosanitarios aquí en Galicia, pero sería outra das posibles aplicacións na agricultura. Tamén é posible o seu uso en invernadoiros ou en granxas, por exemplo para desparasitar os animais.