CRTVG

Buscar

Exhibición de Messi e de Suárez ante o Mallorca

Publicado o 08/12/2019 12:58
Messi fixo tres goles


O golazo de Suárez deulle máis brillo a unha noite máxica para Leo Messi que recibiu o Balón de Ouro de mans dos seus tres fillos. Despois puido adicarlle un gol a cada un. O Barcelona goleou ao peor visitante da Liga con bo xogo, fermosos tantos e detalles a ter en conta. Un deses detalles foi o pase de Ter Stegen a Griezmann. Unha asistencia de corenta metros definida con calidade polo dianteiro francés.

Pouco despois comezaría o festival de Leo Messi, facendo o que fai case sempre. Sábeno os defensas, sábeno os porteiros pero dá igual. Colleu o balón na perpendicular da área, deu media volta e cruzouno cun lanzamento imposible para Reina. Minuto 17.

O Mallorca meteuse no partido cun tanto de Ante Budimir no 35. O balón sorprendeu a Ter Stegen tras tocar en Lenglet.

Parecía que había partido pero nin moito menos. En tres minutos o Barça pechouno. Apareceu outra vez Messi para facer un gol calcado o anterior.

Todos os focos apuntaban o arxentino ata que emerxeu Luis Suárez para deixar a todos coa boca aberta. O charrúa definifiu de xeito brutal. Era ademais a culminación a unha gran xogada na que interviron Busquets, Sergi Roberto e De Jong. Posiblemente o mellor gol da temporada, e de calcaño.

En plena festa culé o Mallorca quixo engancharse a un encontro perdido. Volveu marcar Budimir que aproveitou a saída en falso de Ter Stegen.

Pero o Barça non estaba para que lle amargasen a noite e moito menos Leo Messi. Faltaba o broche final e só podía poñelo o último balón de Ouro. Messi fixo o seu ‘hat trick’ número 35, e bate o récord de Cristiano Ronaldo.

Messi levouse o outro balón e suma 12 goles en Liga, todos nas últimas oito xornadas.



 

Noticias web

08/12/2019