CRTVG

Buscar

Exhibe no seu negocio un cogomelo de 10 kg polo que pagarían 5.000 dólares nos EUA

Publicado o 04/10/2019 16:10

Este exemplar de Laetiporus sulphureus é un cogomelo, que segundo o experto, pesou dez quilos cando o recolleron e a natureza empregou só dez días en producilo. É comestible, pero en Galicia non é valorada esta variedade como na cultura anglosaxona. 

Juan Castiñeira, micólogo e restaurador: "Podemos estar a falar de 300 libras o quilo en Inglaterra e de 400 ata 500 dólares o quilo nos Estados Unidos. Este topámolo nunha cañota que terá uns dez anos, unha cañota dun carballo vello, no alto do Acibal, de Xeve aos Milagres de Amil".

Coñécese en Galicia como pita do monte ou galiña dos montes, porque a súa textura é moi parecida á peituga do polo. É un fungo que non se pode comer en cru ou pouco feito, porque contén substancias tóxicas e alucinóxenas que poden ocasionar trastorno da personalidade. Por iso hai que cociñalo antes; férvese media hora en auga e logo preparalo ao gusto.

Conta Castiñeira que no seu negocio dérono a coñecer hai catro anos e máis dun cliente sorprendeuse de que estivera comendo un cogomelo. 

Juan Castiñeira, micólogo e restaurador: "Poñérllelo a uns amigos e dicirlles ides probar unha peituga feita cunha salsa especial. Ao probala dicían que non sabía a peituga. Explícaslle que acaban de comer un cogomelo que lle chaman pita do monte e a xente non o cre. Din que é imposible".

Está exposto no Bioco, en Pontevedra, e acabará na zona onde o colleron para deixar as súas miles de esporas onde é debido cando non se vai comer. Porque tras varios días exposto non reúne as condicións óptimas para cociñalo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

04/10/2019