CRTVG

Buscar

México concede asilo político a Evo Morales

Publicado o 11/11/2019 23:22

Evo Morales, quen renunciou o domingo á Presidencia de Bolivia forzado polos militares no medio dunha grave crise tras os comicios do 20 de outubro, aceptou a oferta de asilo ofrecida por México, informou este luns o chanceler mexicano, Marcelo Ebrard.

"Infórmoos de que hai uns momentos recibín unha chamada do presidente Evo Morales mediante a cal respondeu á nosa invitación e solicitou verbal e formalmente o asilo no noso país", explicou o secretario mexicano de Relacións Exteriores nunha comparecencia urxente desde a Cidade de México.

A través das redes sociais, Evo Morales denunciou que a policía ten instrucións para detelo ilegalmente e que os golpistas están destruíndo o Estado de Dereito. A mensaxe do ex-presidente boliviano chegou pouco despois de que o líder cívico Luis Fernando Camacho proclamara que a policía e os militares estaban buscando a Morales no Chapare, no centro do país, onde se agochou tras anunciar a súa dimisión na noite do domingo. A policía de Bolivia negou que haxa orde de detención contra Morales. E o opositor e ex-presidente, Carlos Mesa desmentiu o golpe de Estado.

Carlos Mesa, opositor e ex-presidente de Bolivia: "Desmentimos categórica e claramente, non houbo un golpe de Estado en Bolivia".

Mesa explicou que as forzas armadas instaron a Evo Morales a renunciar para pacificar o país, pero que non lle meteron presión, só foi, dixo o opositor, unha suxestión. O caso é que o presidente dimitiu e con el todos os que, segundo a Constitución, podían sucedelo.

Evo Morales, ex-presidente de Bolivia: "Decidín, escoitando os meus compañeiros da central obreira boliviana e tamén escoitando a Igrexa católica, renunciar ao meu cargo de presidencia".

"Os bolivianos e os pobos indíxenas conseguimos que este goberno renuncie".

As graves irregularidades detectadas nas eleccións do 20 de outubro, que lle deron a vitoria por cuarta vez consecutiva a Evo Morales, provocaron unha auténtica rebelión popular e acabaron levando por diante o que foi o primeiro presidente indíxena de América Latina.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/11/2019