CRTVG

Buscar

En corentena a tripulación dun barco tras ser evacuado un mariñeiro con insuficiencia respiratoria

Publicado o 12/11/2020 15:08

Un mariñeiro que regresaba de pescar do Gran Sol tivo que ser evacuado en helicóptero, nas últimas horas, a 70 millas de cabo Ortegal por unha insuficiencia respiratoria.

O buque, cos seus 14 compañeiros a bordo, chegou xa ao seu porto base de Celeiro.

O mariñeiro é un veciño de Avilés de 56 anos que comezou a sentirse mal a pasada magrugada, con problemas para respirar e unha forte dor no peito que levou o patrón do seu barco, o Sempre Antares, a alertar os servizos de emerxencia.

Ata o lugar onde se atopaban desprazouse o helicóptero que avacuou o mariñeiro e trasladouno ata a cidade da Coruña, onde foi recollido por unha ambulancia e trasladado a un centro sanitario.

O barco chegou ao porto, o peixe foi descargado por persoal de terra por precaución, mentres a tripulación permanecía no interior do buque agardando a chegada do persoal de Sergas para que lles practicaran as correspondentes probas PCR. Todos están ben, sen síntomas.

O patrón deste barco contábanos esta mañá que levaban dúas semanas pescando no Gran Sol e que en ningún momento os membros da tripulación sentiron ningún síntoma que fixese pensar que podían estar contaxiados da covid-19.

"Primeiro estuvo a paracetamol pero foise agravando, faltaballe o aire e chamamos ao médico, viñemos para terra e evacuárono no helicóptero", explica Moisés Alonso, patrón do Siempre Antares.

"De momento só se atopou mal el, pero estivemos 15 dias todos xuntos", engadiu Moisés Alonso.

Noticias web

12/11/2020