CRTVG

Buscar

Evacúan un edificio de Negreira por un incendio en plena madrugada

Publicado o 08/01/2020 14:43

Mirándoo por fóra ninguén adiviñaría que no primeiro andar dun edificio de Negreira se desatou esta madrugada un inferno. Estraña, si, ver todas as ventás abertas en pleno xaneiro. A propietaria, unha muller octoxenaria, intenta desfacerse do forte cheiro a fume que deixou o incendio que a espertou, alarmada entre ruídos de cristais e golpes, contra a unha e media da noite. Ás escuras porque non había luz, intentou baldear auga, pero o fume asfixiábaa e caeu. A orixe do lume pode estar nunha sobrecarga eléctrica que provocaría un curtocircuíto. O lume só estragou unha estancia pero o fume escureceu toda a vivenda.

Xosé, irmá da muller afectada, e a súa dona, que viven no segundo andar, espertaron tamén polos ruídos estraños e pensaron que lle pasaba algo á súa irmá. El, que sufriu un infarto hai 6 meses, baixou e fíxose cargo da situación mentres a muller chamaba o 112. Entre o fume que o facía tusir, Xosé socorreu a súa irmá e logo cargou unha mangueira desde o garaxe para sufocar as lapas. Ao pouco, chegaba o socorro e desaloxábanos aos tres.

Unha vez chegaron os bombeiros de Xallas desde Santa Comba e Protección Civil de Brión, que lograron extinguir de todo o lume, os dous irmáns cumpriron atención médica no PAC de Negreira, por inhalación de fume. Afortunadamente, un par de horas despois xa volvían á casa de Xosé para descansar dunha noite de pesadelo.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/01/2020