CRTVG

Buscar

Europa supera os dez millóns de casos de coronavirus

Publicado o 29/10/2020 21:40

Europa superou xa os dez millóns de casos de coronavirus, e nesta segunda vaga enfróntase coa incidencia máis alta de contaxios dende que comezou a pandemia. Foron un millón e medio de novos casos nos últimos sete días e, aínda máis, as hospitalizacións volveron a niveis de marzo e abril, con máis de dez ingresos por cada cen mil habitantes nun terzo dos países europeos. 

Así, o debate sobre se volver ou non ao máis duro das restricións está aberto. 

En Francia xa deron o paso: a partir das doce desta noite e polo menos ata o un de decembro o país volve ao confinamento. Só se poderá saír por motivos xustificados, prohíbense as reunións e pecha todo establecemento comercial considerado non esencial, hostalería incluída. É a consecuencia de dúas semanas batendo marcas de contaxios. Onte foron máis de 36.000 novos casos, e 244 falecementos. 

Alemaña deu un paso menos estrito, pero dende o próximo luns imporá novas restricións para reducir o contacto social. Deixan abertos comercios e escolas, pero pechan a hostalería en todo o país. Con 15.000 novos contaxios e 85 falecementos no último día, o Goberno advirte de que non desbotan sumar outras medidas para evitar unha grave emerxencia sanitaria.  

Italia, que fora o epicentro da pandemia en Europa, volve ser dos países máis castigados nesta segunda vaga da covid-19. Foron case outros 27.000 positivos os que se rexistraron nas últimas 24 horas, e 217 falecementos. 

A pandemia acelera tamén no Reino Unido, que contabilizou case 25.000 novos infectados nun só día, e o Goberno insiste en que fará todo o posible por evitar un confinamento nacional.

Tamén quere evitalo Suíza, que reforzou as restricións. Con máis de 8.600 contaxios nas últimas 24 horas, limitou as reunións a 10 persoas, obriga a usar máscara e pecha bares e restaurantes ás once da noite. 

A República Checa debate mañá se prorroga outros 30 días o estado de emerxencia, e é probable que Grecia e Bélxica anuncien xa novas medidas para tentar deter a escalada de contaxios. 

Noticias web

29/10/2020

Máis sobre actualidade