CRTVG

Buscar

Europa péchase contra a covid-19 e para o Nadal

Publicado o 15/12/2020 20:58

Alemaña é o país que máis contaxios novos rexistra cada día, tamén é o que toma a medida máis severa con vistas ao Nadal. Volve a partir deste mércores e ata o 10 de xaneiro a un confinamento duro con todo pechado, agás os servizos esenciais. Medidas estritas que se suman oa peche do ocio, a cultura e a gastronomía, en vigor desde principios de novembro.

Tamén a partir deste mércores terán que pechar no Reino Unido bares e restaurantes. En Londres e noutras zonas do país pasan ao nivel máximo de restricións. Non poderá haber ningun tipo de reunión social en interiores e , no caso dos exteriores, o número máximo permitido é de seis persoas. Ademais, especialmente no sur de Inglaterra, identificaron unha nova variante de covid-19.

Italia anuncia medidas máis restritivas para as datas de Nadal, aínda que polo momento, non haberá confinamento total. Previsiblemente adiantarán o toque de queda e pecharán restaurantes e locais durante as festividades. O país segue sendo a taxa máis alta de falecidos de Europa e a quinta do mundo.

Este martes substituíase o confinamento nacional en Francia por un toque de queda nocturno entre as 20.00 e as 6.00 horas que se abrira en Noiteboa para encontros familiares e reducidos. A medida chegaba no medio das protestas multitudinarias do sector cultural, a quen lles acaban de atrasar a reapertura. Mesma sorte, o da hostalería, pechado desde outubro.

Europa péchase ás portas do Nadal e cunhas cifras que non dan opción: máis de 21 millóns de casos e máis de 480.000 mortos pola covid-19. Medidas estritas mesmo nos Países Baixos, para dobregar unha curva que volve poñer Europa no foco da pandemia.

Noticias web

15/12/2020