CRTVG

Buscar

Europa di que os electrodomésticos teñen que durar máis

Publicado o 02/10/2019 14:15

A Unión Europea quere acabar coa obsolescencia programada dos electrodomésticos e acaba de presentar unha serie de medidas para prolongar a vida útil destes aparatos. Por pimeira vez, estas medidas esixen que determinados electromésticos de uso diario, como neveiras, lavadoras, lavalouza ou televisores, sexan reparables. Así, aumenta a ata dez anos o tempo en que o fabricante debe ter recambios dispoñibles para arranxar estes aparellos. Ademais, tamén deben ser reciclables e deben reducir o consumo de auga e enerxía.

Bruxelas busca, así, vantaxes económicas e ecolóxicas. Estiman que cada consumidor poderá aforrar con estas novas medidas unha media de 150 euros ao ano.

O impacto no peto é o primeiro que valoran os consumidores: "A min paréceme moi ben, porque agora fan as cousas para que duren dous días e haxa que tiralas". "Os electrodomésticos que hai agora, ao pouco tempo xa se estragan".

Aínda sen poñerlle nome, todos aluden a experiencias persoais coa obsolescencia programada: "Temos unha cámara que durou 20 anos. Agora estragouse, pero a que veña agora non vai ser igual". "En catro ou cinco anos tes que cambiar a lavadora enteira, porque a min pasoume na casa".

Entre os máis novos, o que prima é a conciencia ambiental: "É material que non é fácil reciclar, que se acumula moito tempo, tarda moitísimo en degradarse...".

Lamentan, iso sí, que a nova normativa non se estenda, de momento, aos dispositivos electrónicos: "Pero, ben, seguro que no futuro tamén intentan meter esas cousas. Hai que empezar por algo e sempre é unha boa noticia".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

02/10/2019