CRTVG

Buscar

EUA supera os 200.000 contaxiados e Italia estende o confinamento

Publicado o 01/04/2020 22:05
EUA supera os 200.000 contaxiados e Italia estende o confinamento

O número de persoas contaxiadas polo coronavirus superou xa as 200.000 nos Estados Unidos, que rexistrou ata o momento 4.476 falecidos. Deles, máis dunha cuarta parte producíronse no estado de Nova York, segundo os últimos datos da Universidade de Johns Hopkins.

En concreto, os Estados Unidos, que lideran o número de contaxios no mundo, chegaron a 203.608 contaxios por covid-19, de acordo coas cifras da citada fonte.

Esténdese o confinamento en Italia

Italia prorrogou hoxe o confinamento da súa poboación ata o 13 de abril para conter a pandemia do coronavirus. Pola noite, tal e como se esperaba, o primeiro ministro italiano, Giuseppe Conte, anunciou ao país a prorrogación ata o devandito 13 de abril das restricións, que debían expirar o vindeiro venres, e non descartou facelo máis adiante. Dependerá de como proceda a emerxencia.

"Isto permitirá empezar a avaliar unha perspectiva e cando os datos empecen a consolidarse, empezaremos a afrouxar as medidas. Non vos podo dicir que será o 14 de abril, dependerá do que diga o consello de científicos", dixo Conte nunha mensaxe televisada.

Así, o primeiro ministro pediu un novo esforzo á poboación, confinada en todo o país desde o 9 de marzo (os focos de contaxio do norte e en Lombardía e outras 14 provincias pecháronse antes). Unha vez que os contagios empecen a diminuír, iniciarase a "Fase 2", da "convivencia co virus", que permitirá afrouxar as medidas de forma gradual, para logo chegar á última "Fase 3", a "recuperación da vida laboral e social" en Italia.

Mentres, Italia espera unha redución do número de contaxios, tras rexistrar 2.937 novos casos positivos no último día. Na actualidade os positivos son 80.572, dos que 28.403 están hospitalizados e 4.035 en coidados intensivos. Os mortos con coronavirus no país xa suman 13.155, unha subida de 727 respecto ao martes pero menor ás notificadas nas últimas xornadas, segundo o parte de Protección Civil deste mércores.

O membro do Comité Técnico-Científico que asesora ao Goberno, Alberto Villani, sinalou en conferencia de prensa que hai menos persoas hospitalizadas que antes, o cal cre que demostra a efectividade das medidas impulsadas.

Francia supera os 4.000 falecementos

Por outra banda, Francia superou este mércores os 4.000 mortos por coronavirus, cun total de 4.032 falecementos desde o pasado 1 de marzo, segundo anunciou o director xeral de Sanidade, Jérôme Salomon.

No país rexistráronse 509 mortes nas últimas 24 horas fronte ás 499 do día anterior. Esas cifras teñen en conta só as mortes en hospitais, pero non as que se producen en residencias de anciáns ou nos domicilios, que o Executivo francés espera poder ofrecer esta semana.

En total hai 56.989 casos confirmados de coronavirus en Francia, 4.861 máis que o día anterior.
As dúas rexións máis afectadas son a parisiense Illa de Francia, con 9.609 casos e 1.369 mortes, e a do Gran Leste, fronteiriza con Luxemburgo, Suíza, Alemaña e Bélxica, onde hai 4.470 casos e 1.126 falecementos.

O confinamento da poboación comezou en Francia o pasado 17 de marzo, inicialmente durante dúas semanas que foron prolongadas ata o 15 de abril.

O primeiro ministro francés, Édouard Philippe, destacou este mércores nunha intervención ante a misión de información parlamentaria que é "probable" que o abandono do confinamento non teña lugar de golpe, en todo o territorio e para todo o mundo. O xefe do Executivo apuntou que dependerá da forma en que o virus circulase polo país e doutros elementos de que aínda non dispoñen na súa totalidade.