CRTVG

Buscar

Estímanse cuantiosos os danos do incendio que calcinou un coñecido restaurante de Lalín

Publicado o 02/03/2020 13:33

O silencio reinaba esta mañá en Santiso, en Lalín, despois da longa xornada de onte en que o voraz incendio que calcinou o popular restaurante Fogar de Breogán os despertou de madrugada. Hoxe ainda fumeaba algún resto, pero todo permanece precintado, mesmo a vivenda anexa, onde residía o propietario, que tivo que realoxarse temporalmente na casa dun familiar.

Está á espera de que a Policía Científica acuda mañá ás instalacións para inspeccionalas e realizar o informe pertinente. Mentres, ningúen pode acceder, nin sequera os peritos para avaliar os danos, que semella serán cuantiosos. Canto á orixe do lume, á espera das pescudas policiais, todo parece indicar que se orixinou nunha das grellas do restaurante.

As lapas reduciron a cinsas os comedores e tamén os 4 cuartos de hóspedes que estaban ocupados no momento do incendio, pero que puideron saír a tempo sen sufrir danos. O único que se mancou nunha perna ao romper unha fiestra foi Carlos o propietario. Aínda asi, ante a adversidade prefire mirar cara o futuro con optimismo e poñerse a traballar canto antes na reconstrución do restaurante e reabrilo á maior brevidade. Por el e polos seus traballadores, 22 en total. Asi o expresaba nunha mensaxe que publicou nas redes sociais, agradecendo tamén o apoio que están recibindo dos clientes.

Noticias web

02/03/2020