CRTVG

Buscar

Estancadas as negociacións da venda de Alcoa a GFG, pero segue o diálogo

Publicado o 05/09/2020 19:24
Estancadas as negociacións da venda de Alcoa a GFG, pero segue o diálogo

Alcoa informa sobre o proceso de venda da factoría de aluminio de San Cibrao de que, superada a data límite establecida por GFG Alliance para chegar a un acordo sobre as condicións, esta empresa respondeu a súa proposta con maiores demandas e sen mostrar avance para unha transacción en termos comerciais razoables.

Malia oferta de Alcoa de transferir a planta de aluminio por 1€, GFG esixe opcións exclusivas para controlar a refinería de alúmina de San Cibrao, segue a demandar un contrato de subministración de alúmina por 20 anos á marxe das prácticas comerciais actuais, négase a comprometer fondos propios para asegurar a viabilidade da factoría e engade ademais contar cun inventario de alúmina de 90 días, cantidade que a planta non pode almacenar, por un valor aproximado de 30 millóns de dólares.

Asegura Alcoa que as afirmacións anteriores de que estaba disposta a asumir as perdas en curso eas responsabilidades da planta de aluminio non son certas e GFG só ofrece pagar un máximo dun millón de euros cada mes, suma menor que as perdas mensuais actuais, ata un máximo de 6 millóns en total.

Alcoa afirma que nas seis semanas de negociación fixo concesións substanciais para facilitar a venda, pero GFG segue con solicitudes fóra dos límites do acordo asinado o 13 de agosto cos representantes dos traballadores. Afirma Alcoa que segue a negociar e está aberta ao diálogo con GFG Alliance para unha venda responsable da factoría de aluminio de San Cibrao. A data final para lograr un acordo de venda é o 27 deste mes de setembro.