CRTVG

Buscar

Esta Semana Santa, coa mellora do tempo nos festivos, Galicia baterá marcas turísticas

Publicado o 18/04/2019 16:05

Ocupacións medias de case o 85% en Galicia nos festivos desta Semana Santa.

Chegan os días máis importantes da Semana Santa e a ocupación hoteleira en Galicia é mellor que a do ano pasado. Concretamente hai un 7 por cento máis de reservas que en 2018. A nivel xeral a Xunta confirmou que a ocupación se sitúa estes días entre o 80 e o 85 por cento.

En excursións organizadas, en familia, con amigos, sos... Ourense foi elexida por moitos para pasar estas vacacións de Semana Santa. Nótano ben nos hoteis da cidade, están todos practicamente cheos. Así a afluencia é constante na oficina de turismo. Moitos aproveitan a estancia na cidade para achegarse a visitar lugares de interese da provincia de Ourense como Allariz ou a Ribeira Sacra.

As boas previsións meterolóxicas aínda mellorarán os datos de ocupación en Galicia na recta final desta Semana Santa.

A Xunta agarda mellorar os datos en toda a comunidade con reservas de última hora, atraídas polo bo tempo que se espera en Galicia. Con todo, hai zonas en que os turistas o terán máis difícil porque xa están prácticamente ao cen por cento.

Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Turismo: "Estamos a falar prácticamente dun pleno, dun cen por cen, onde hai semanas Santas de recoñecemento a nivel internacional, como pode ser Viveira ou Ferrol pero en xeral toda galicia está tendo unha boa temporada. Agardemos que se se mantén o bo tempo se poida incrementar porque este movementos vacacionais están moi vencellados ao tempo".

Este xoves é unha xornada de transición , pero a partir de venres Santo regresará o anticiclón das Azores e imos gozar en Galicia de tempo seco e primaveral. Comeza a segunda fase das vacacións de Semana santa e semella que o tempo seco e primaveral vainos acompañar alomenos ata o domingo. O anticiclón das Azores comeza e remontar e empeza a bloquear o paso do tren de borrascas. E o mellor tempo de toda a península ímolo ter en Galicia. Unha situación que sorprende aos que están a pasar estes días de vacacións na nosa comunidade. Agardaban tempo frío e chuvia, e descubren que van ser uns privilexiados que poden gozar de sol e temperaturas moi agradables. Así que os que queiran gozar de praia, sol e calor van ter que vir á nosa comunidade, a única que vai ter unha Semana Santa con temperatruras ben boas.




 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/04/2019