CRTVG

Buscar

Espectacular loita pola vitoria entre Tirán e Meira na Bandeira de Bueu

Publicado o 09/08/2020 20:41

Son dous equipos de Moaña. Que se reparten as vitorias na liga galega. Que estarán no play-off de ascenso á ACT. Que loitan regata a regata pola vitoria, por ser o líder da competición. O duelo Tirán-Meira foi espectacular. Marcaron tempos parellos en todas as viradas e chegaron á liña de meta proa con proa.

Venceu Samertolameu de Meira, medio segundo máis rápido que Tirán. Terceira vitoria da temporada. Outras tantas ten Tirán. As dúas traíñas de Moaña lideran a clasificación empatados a puntos.

Moito máis igualada está na ACT a Liga Euskolabel. Urdaibai líder. Santurtzi afundiu. resucita Orio. E o vencedor da bandeira de Ondarroa foi Ziérbena, equipo ADN galego, adestrado polo vigués Juan Zunzunegui e cos remeiros galegos De Haz, Montenegro, Casolas e Isma Montes na tripulación titular.

Décima xornada da temporada con Cabo da Cruz sexto clasificado e co afundimento de Ares, moi mal día da Santa Olaia, a peor regata do curso que penaliza cunha caída na clasificación ata o penúltimo posto, zona de play-off de permanencia.


 

Noticias web

09/08/2020