CRTVG

Buscar

Espantallos, un xeito ecolóxico de escorrentar os paxaros

Publicado o 22/06/2019 21:21

ESPANTALLOS EN CHANTADA / UN XEITO ECOLÓXICO DE QUITAR OS PAXAROS DO MILLO Calquera destes treces espantallos poderían ser o espantallo amigo do que nos falou Xosé Neira Vilas, só que estes, no canto de dúas cereixas por ollos e un pexego por corazón, teñen sacos por bufandas e envases por caras. E tamén son o resultado da imaxinación dun home, neste caso de Jesús Lamazares, un veciño de Chantada que hai tres ou catro anos viuse co problema de que os paxaros lle micaban o millo.

JESÚS LAMAZARES, CREADOR DOS ESPANTALLOS "Eu son un tío rápido; collo un lapis e plasmo o que teño na cabeza"

Así foi que ideou estes espantallos botando de canto refugallo tiña na casa.

"Eu collo uns paus e roupa da casa"

Di que un dos segredos para que os paxaraos non se confíen nos espantallos é facelos con cores vivas, canto máis charramangueiros mellor. Ten ben estudada a súa colocación para que o sistema lle funcione.

"Eu un boneco deses fágoo en vinte minutos; nunca traballo a rumbo"

Di que engadirlle partes móbiles aos espantallos axuda a que non veñan as aves. Pero asegura que estes bonecos teñen máis ciencia da que aparentan.

"Eu teño un segredo para isto, pero ao ser tan gratis non se conta... os profesionais sempre gardan algo no papo"

Cando medra o millo os espantallos emperiquétanse nun pau para seguir sendo visibles. Tras a colleita volven á palleira a pasar o inverno ata que se volva botar o millo o ano que vén.
 

Noticias web

22/06/2019