CRTVG

Buscar

España rexistra o máximo de contaxios diarios de toda a pandemia, con 38.869 casos

Publicado o 13/01/2021 19:38

As comunidades autónomas notificaron este mércores ao Ministerio de Sanidade 38.869 casos de covid−19, dos que 16.033 foron diagnosticados nas últimas 24 horas, fronte aos 14.060 rexistrados o martes. A cifra global de persoas infectadas por coronavirus desde o comezo da pandemia sitúase nos 2.176.089.

A incidencia media actual nos últimos 14 días segue aumentando, ponse nos 492,88 casos por cada 100.000 habitantes, en comparación cos 454 notificado o martes polo Ministerio de Sanidade.

O departamento que dirixe Salvador Illa notificou este mércores 195 máis. Na última semana rexistráronse 735. Isto fai que a cifra global de mortos por coronavirus en España se eleve a 52.878 persoas. Na actualidade, hai 18.215 pacientes ingresados por covid−19 en toda España e 2.744 en UCI. A taxa de ocupación de camas ocupadas por coronavirus sitúase este venres no 14,64 por cento e nas UCI no 27,76 por cento.

Toda España en risco extremo

A incidencia media acumulada achégase aos 500 casos por 100.000 habitantes. Hai seis comunidades autónomas por riba dos 600 e Estremadura supera os 1.100. A repunta dos contaxios e o aumento da presión hospitalaria centraron boa parte da reunión do Consello Interterritorial de Saúde.

"Todos os conselleiros manifestaron a súa preocupación e disposición a actuar e facer un seguimento diario de como evoluciona a situación. Un chamamento, por tanto, a toda a cidadanía para que respecte escrupulosamente as medidas", reclama Salvador Illa, ministro de Sanidade.

O Ministro asegura que é o único xeito de facer fronte ao virus. Por iso, nas próximas horas anunciaranse novas restricións nalgunhas comunidades. Porén, Salvador Illa descarta o confinamento total.

"Temos a experiencia de derrotar unha segunda vaga cunha estratexia que funcionou. Pensamos que de aplicarmos nesta ocasión a mesma estratexia, como están a aplicar as comunidades autónomas, obteremos os mesmos resultados", considera. 

Durante o consello tamén se analizou o proceso de inmunización. O ministro insite en que o obxectivo desta semana é rematar a campaña nas residencias de maiores. Ademais, asegurou que nos próximos días xa se coñecerán os próximos grupos que van recibir a vacina.

Noticias web

13/01/2021