CRTVG

Buscar

Algunhas comunidades non aproveitan todas as doses de Pfizer por non usar xeringas axeitadas

Publicado o 21/01/2021 16:54

A campaña de vacinación corre o risco de ralentizarse a partir da semana que vén.
A farmacéutica Pfizer vai reducir nun 17 por cento o envío de vacinas a España, porque a Axencia Europea do Medicamento permite agora extraer 6 doses de cada un dos tubos, unha máis que cando se aprobou a vacina.

O problema que ten agora España é que non ten xiringas suficientes para administrar esa dose extra, co que se poden perder milleiros de delas, como pasou xa en Madrid, Cataluña ou Andalucía. Desde o Goberno din que o abastecemento de xiringas estaba planificado.

España perde doses da vacina de Pfizer por falta de xiringas adecuadas para administrala. É un problema que xorde cando a Axencia Europea do Medicamento permitiu extraer 6 doses de cada un dos viais de Pfizer, unha dose máis do especificado cando se aprobou a vacina. Para facelo cómpre ter unhas xiringas cunhas determinadas características que permitan optimizar a dosificación, e ese tipo de xiringas é o que non abunda.

A situación é distinta en cada comunidade autónoma. En Galicia, a Consellería de Sanidade di que hai material adecuado, que se procura optimizar todos os viais, pero que depende de cada lote de vacinas. O ministro de Ciencia di que o abastecemento de xiringas estaba planificado.

Dende que comezou a campaña, os sanitarios xa detectaron que cada vial da vacina de Pfizer traía máis de cinco doses, pero non se empezou a aproveitar o excedente ata que o 8 de xaneiro a Axencia Europea do Medicamento abriu a posibilidade de usar esa sexta dose, iso si, coas xiringas adecuadas.

"Non todos os viais chegan a esta sexta dose, pero moitísimos si. Polo tanto, hai que aproveitala porque é unha dose máis. Hai autorización dos órganos competentes que permiten facer uso desa sexta dose con totais garantías de eficacia", asegura Amós García Rojas, presidente da Asociación Española de Vacinoloxía.

A priori, isto non significa que gañemos vacinas extra, porque a propia Pfizer recorda que os contratos coa Unión Europea son por número de doses, non de viais. E a cifra axustarase cando se formalice a ficha técnica. Mentres tanto, a compañía reduciu os envíos de vacinas a España a case a metade do previsto.

"É lóxico pensar que o seguinte grupo que se vai vacinar non poderá facelo nun período curto de tempo. Polo tanto, a data de marzo parece razoable", explica o doutor García Rojas.

Nesas datas, agarda o Goberno comezar a vacinar os maiores de oitenta anos. E sobre a aparición de novas variantes do virus, este experto chama á calma: "Como o que estamos vendo son variantes, en principio a eficacia da vacina segue manténdose".

En España xa se administraron máis dun millón de vacinas.

 

 

Noticias web

21/01/2021