CRTVG

Buscar

España notifica 2.987 novos casos nas últimas 24 horas

Publicado o 14/08/2020 17:08
España notifica 2.987 novos casos nas últimas 24 horas

O Ministerio de Sanidade anunciou este venres de 2.987 novos casos, onte foron 2.935. O total de positivos dende o inicio da pandemia sobe a 342.813. Ademais, nos últimos sete días faleceron 62 persoas, un dato menor que o achegado onte por Sanidade, cando se comunicaban 70.

En total, 28.617 persoas morreron con proba de covid-19 positiva, segundo os datos de Sanidade. No tocante a hospitalizacións, contabilízanse 1.015 ingresos hospitalarios na última semana, 46 na UCI. 

 

• Madrid concentra o maior número de novos contaxios

Madrid sitúase a cabeza en contaxios diarios: 731 en vintecatro horas. Para frear a expansión do virus, a comunidade anuncia probas aleatorias, a partir do luns, en Carabanchel, Usera, Villaverde, Vallecas, Alcobendas e Móstoles.

Aragón notifica 481 casos, a gran maioría na provincia de Zaragoza. Nestes momentos, o goberno autonómico da por superado o pico de transmisión.

Euskadi reduce un pouco o número de infeccións pero rexistra 480 nun día. Nesta comunidade, preocupa sobre todo a rede de residencias en Biscaia. Nas últimas horas, rexistrouse un gromo na de Gallarta con 16 positivos. Hai tres centros afectados cun cento de contaxios.

Andalucía segue sumando pero a menor velocidade. No último informe de Sanidade confirma 244 casos e sitúase no cuarto lugar. A continuación, Cataluña consegue manter a expansión nas zonas máis afectadas e rexistra 169 positivos na última xornada.