CRTVG

Buscar

España e o Reino Unido negociarán en xaneiro a situación de Xibraltar tras o 'brexit'

Publicado o 23/12/2019 12:19
España e o Reino Unido negociarán en xaneiro a situación de Xibraltar tras o 'brexit'

España e o Reino Unido acordaron manter reunións técnicas en Madrid os próximos 14 e 15 de xaneiro para abordar a negociación sobre a situación en que quedará Xibraltar unha vez que se faga efectivo o 'brexit'.

Foi o Goberno da colonia británica quen informou nun comunicado desas reunións que teñen como obxectivo levar a cabo o traballo de preparación necesario para a saída da UE.

Esta negociación é consecuencia dos catro memorandos asinados en novembro do ano pasado polos entón ministros de Exteriores de ambos os países (Josep Borrell, por parte española, e David  Lidington, polo lado británico) e que son anexos ao acordo de saída do Reino Unido da Unión Europea.

Segundo asegurou o Ministerio de Asuntos Exteriores español ao asinar eses memorandos, garántese con eles unha saída ordenada de Xibraltar da UE, incluíndo o período transitorio, así como os dereitos dos cidadáns e traballadores da zona.

Como consecuencia deses memorandos, formalizaranse diversos comités entre a UE, o Reino Unido e España que estarán operativos durante o período de transición, que durará ata o 31 de decembro de 2020.

De todo iso falarase nas reunións fixadas para mediados do próximo mes en Madrid e á espera de que se cumpra a intención do primeiro ministro británico, Boris Johnson, de que o seu país abandone a UE o próximo 31 de xaneiro.

Tras a vitoria de Johnson nas recentes eleccións, o Parlamento do Reino Unido aprobou o pasado venres o proxecto de lei do acordo de retirada da UE para que poida facerse efectiva nesa data.

Os catro memorandos asinados por España e Reino Unido sobre Xibraltar abordan os dereitos dos cidadáns, a cooperación policial e aduaneira, o tabaco e o medio ambiente.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí