CRTVG

Buscar

España é o país europeo con maior taxa de positividade por coronavirus

Publicado o 13/09/2020 15:17

Os expertos coinciden, a evolución da pandemia no noso país é preocupante. Estamos inmersos na segunda vaga, e España é actualmente o país europeo con maior taxa de positividade, cun 11,8%, máis do dobre do que a OMS considera óptimo para controlar a pandemia. En Galicia ese índice de positividade sitúase no 6'7%, pero que significan estes datos realmente?

"Cando a taxa é moi alta o que quere dicir é que estamos facendo poucas PCR para todos os casos que queriamos detectar. O valor de España de máis do 11% hai que baixalo como sexa. Temos que facer máis PCR, temos que facer máis rastrexos e temos que localizar rápido a xente, así podémola illar e paramos a cadea epidemiolóxica", di Tato Vázquez Lima, presidente da Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias en Galicia.

Aínda así na actualidade detéctanse moitos máis casos, sobre todo os asintómaticos. Nesta segunda vaga a idade dos contaxiados baixou considerablemente.
"Desprazouse claramente os contaxios á xente nova, nalgunhas áreas é moi notorio, entre os 20 e os 50 anos temos case o 60 ou 70% dos casos".

Os contaxios aumentan, pero o número de casos que necesitan de hospitalización é máis baixo que no mes de marzo.
"No punto álxido da pandemia en marzo e abril a porcentaxe de ingreso roldaba o 50 ou 60% nalgunhas áreas. Neste momento en Galicia a porcentaxe de ingreso é do 5%, a maioría dos casos detectámolos antes, mandámolos á casa, son casos máis leves. Temos que intentar non colapsar o sistema sanitario porque nos daría moitos moitos problemas novamente"

E con vistas ao outono, os expertos insisten na súa mensaxe:
"Esta pandemia non é só cuestión do persoal sanitario, é cuestión de toda a poboación, loitando contra ela ata que teñamos unha vacina, entón si, invítovos a que todos vaiamos de festa pero agora é importante que sexamos responsables e controlemos o que temos entre mans", asegura Tato Vázquez Lima, presidente da Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias en Galicia

Noticias web

13/09/2020