CRTVG

Buscar

O Goberno rectifica o anuncio da ministra Maroto e aclara que as fronteiras con Francia e Portugal abrirán o 1 de xullo

Publicado o 04/06/2020 15:02

• A ministra anunciara que as restricións terrestres se levantarían o 22 de xuño

• Os alcaldes da raia piden a apertura de máis pasos entre Galicia e Portugal

O Goberno rectificou o anuncio da ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, que apuntaba esta mañá nun almorzo informativo que o levantamento das restricións fronteirizas terrestres con Portugal e Francia se produciría o 22 de xuño, adiantándose así dez días a data prevista do 1 de xullo.

Maroto explicaba que en virtude dos acordos de reciprocidade con Francia e Portugal eliminaríanse tamén as corentenas.

Nunha nota aclaratoria, o Goberno puntualiza que, en atención ao principio de gradualidade "e tendo en conta os compromisos anunciados de reapertura do turismo internacional, a mobilidade internacional segura terá lugar a partir do 1 de xullo".

O Goberno portugués amosouse sorprendido e malesto por este anuncio do que, segundo informa Europa Press, pensa pedir explicacións.

Maroto dixera esta mañá que o seu departamento traballa para retomar o turismo nalgúns territorios na segunda quincena de xuño.

"Non se trata de ir máis rápido ou máis lento", dixo Maroto, senón de garantir que España é un destino seguro.