CRTVG

Buscar

Esnafran un coche en Guntín ao fuxir da policía

Publicado o 14/09/2020 13:51

Así quedou este coche ao bater contra un muro e un poste da luz en Guntín. Ao desviarse no centro da vila, esnafrouse e envorcou no interior dun terreo. Nel viaxaban seis persoas. Perseguíao dende Lugo un vehículo policial camuflado tras ser detectado facendo manobras estrañas.
O sinistro causou unha grande alarma entre os veciños.

"Estaba no piso de arriba, sentín un impacto moi forte e xa me asustei. Non quería nin velo, pensando que se mataran todos. Daquela asomeime á ventá e vin o coche e mais a policía, que os viña seguindo. Oínlles aos axentes dicirlles que todos quedasen quietos. No coche debían de ir bastantes, din que seis. Dous quixeron escapar, pero colléronos. Despois xa chegaron máis coches da policía e veu a ambulancia".

"Sentimos derrapar e un golpe. Iamos chamar unha ambulancia, pero cando saímos xa vimos que estaba aí a policía. Víase mal, porque era de noite, sobre as once e media", comentan os veciños do lugar.

Catro dos ocupantes precisaron asistencia médica, aínda que as súas feridas eran leves. Entre eles había dous menores.

"Foi pola noite, que viñan seis, incluida unha pequena, e viña a policía perseguíndoos. Foron contra o poste e rebentárono, pero non lles pasou nada".

"Veu a ambulancia e oíalles preguntar se viña alguén ferido. Dixeron que había unha nena, e mandáronlles que non a movesen, pero moito non debeu de ser".

Segundo fontes policiais, o condutor do coche carecía de carné de conducir.

Noticias web

14/09/2020