CRTVG

Buscar

Escribá: "Na segunda metade co Español fixemos o peor desta temporada"

Publicado o 27/09/2019 10:11

O Español chegou a Vigo disposto a quitar tallada do fútbol máis destrutivo e a piques estivo de marchar co premio gordo. Cun exército de futbolistas para cortar, rachar e rozar as chegadas máis ou menos ordenadas coas que o Celta foi collendo a posesión e o dominio do balón. Con pouco éxito, ben certo é. Unha cabezada potente e dirixida de Santi Mina, poñéndolle continuidade a un gran centro de Olaza dende o costado, foi o primeiro gran aviso dos celestes co partido no primeiro cuarto de hora. Despois, Rafinha, atento ao que pasaba na área tras outro servizo que chegaba dende a banda, remata con problemas no contacto co coiro e a traxectoria acaba levando o redondo ao exterior do poste.

Mar Roca asinou para os españolistas a única pelota lanzada a porta. Un balón bombeado se graza nin substancia. O Celta era que máis se mollaba buscando portería e unha cabezada de Araújo dentro da área, peinando e axustando, acaba en fuga por riba do barrón e poñendo punto e final ás accións de gol do primeiro tempo. A actitude parasitaria do Español no puido ter máis premio e de volta da caseta. Minuto tres do segundo tempo, os de David Gallego póñense por diante no marcador e trocan o paso do parrtido.

Calleri monta o taco nun balón, aparentemente non complicado de defender, e a resultas da súa bravura o coiro acaba nos pés de Pedrosa no punto de penalti, libre de marcaxe, e rematando a xogada.

O Español uliu o sangue e quixo aproveitar os momentos de desconcerto local para rematar a faena. Outro batifondo defensivo dos de Escribá e lanzamento a porta de Pedrosa. Rubén emerxe entre o descoido xeral e arranxa o problema. Ao Celta tocáballe ir a remolque e a xogada mellor trenzada de todo o partido foi esta: Fran Beltrán xoga na banda e conecta no bico da área con Denis Suárez, o de Salceda quita de primeiras sobnre a chegada de Aspas e o dez celeste lanza cruzado moi preto de enchufala na rede.

Tocaba seguir traballando e emborcándose no campo rival. Tanto, que un balón perdido, co Celta moi destapado, provoca a mellor oportunidade de cero a dous para os barceloneses. Un clarísimo tres para un perico en que Darder cede a Pipa e este estraga con todo ao seu prol provocando a oportuna intervención de Rubén no último momento e para salvar o partido. Foi a sí por que o Celta non perdeu a fe no gol e sobre a campá do tempo engadido, minuto 95, acaba marcando.

Unha acción de moito corazón de Hugo Mallo, en que non dá por perdido o coiro, recolle de segundas, vaise do seu marcador e acaba centrando ao carozo da área onde Santi Mina proxecta toda a súa potencia nunha cabezada que deixa o balón fóra do alcance de Diego López. Golazo e merecido empate dun Celta ao que os rivais de tendencia amarrona lle van dar moitos problemas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/09/2019