Escasa participación na primeira feira tras as novas restricións en Ourense
A primeira feira do mes en Ourense nin sequera chegou á ocupación máxima permitida de 130 postos.
"Isto está cada día peor. A xente non vén a comprar nin nada. Pasan por diante e xa está". "Eu xa teño os meus anos, vivín moitas cousas, pero coma esta ningunha, porque non hai traballo", comentan os feirantes.
Menos feirantes do habitual e menos clientes tamén: "Moi pouquiño ambiente. Non hai case ninguén. É triste, pero é o que hai". "Hai distancia suficiente, está agradable para pasear, sen aglomeración... Ben".
As medidas que se lles esixen son as mesmas que nos locais comerciais: uso da máscara, xel hidroalcohólico e desinfección das pezas: "Desinfectamos todas as pezas cada vez que algunha señora a proba. Ao sacalo do furgón, fumigámolo enteiro, ao metelo tamén... Faise todo o que se pode".
Desde que se retomou a feira tras o confinamento, aquí en Ourense xa se viña aplicando o protocolo máis estrito, coa capacidade ao 50 por cento, a distancia de seguridade ao dobre do permitido pola lei e un seguimento estreito do cumprimento das medidas hixiénico-sanitarias, así que as novas restriccións apenas introducen cambios.
Alberto González, responsable da organización da feira: "Tivemos certa polémica ao principio por seren unhas medidas moi restritivas, pero grazas a iso puidemos mantela sen ter que parar para reorganizala".
A próxima feira é a do 17. Nestes dez días non se prevé ningunha relaxación nas medidas de control.