CRTVG

Buscar

Errejón anuncia esta tarde a súa candidatura ás eleccións xerais

Publicado o 25/09/2019 15:28

Ás seis e media desta tarde, as bases de Más Madrid ratificarán a Errejón como cabeza de lista na capital. Tamén acordarán as alianzas no resto de España. Polo momento, xa teñen o apoio da Chunta Aragonesista e de Compromís. En Podemos, a decisión dos valencianos causou sorpresa.

"Sorprendeume porque foi Compromís quen nos contactou para pedir unha reunión e explorar unha posible alianza. Eu falei con Mónica Oltra e parecía que ese acordo estaba cerca", dixo o seu secretario xeral Pablo Iglesias nunha entrevista en publico.es.

Podemos tamén podería perder outro socio, Equo. A dirección dos ecoloxistas convocou unha consulta entre os afiliados, unha votación que cuestiona o seu deputado López de Uralde. Di que está controlada polos afíns a Errejón e que el quedará en Unidas Podemos aínda que as bases decidan outra cousa.

Os de Iglesias tamén teñen outra fronte aberta en Andalucía. A líder de Podemos na comunidade avoga por presentarse con outra marca, Adelante Andalucía, e pide autonomía no Congreso, demandas que rexeita a central de Madrid.

"Creo que os militantes de Podemos Andalucía teñen bastante claro cal é o espazo político polo que apostan. Pero todo o mundo é adulto para tomar as súas propias decisións", declaraba Iglesias a publico.es, onde tamén asegurou que Teresa Rodríguez nunca lle comunicou as súas reivindicacións.

Noticias web

25/09/2019