CRTVG

Buscar

O Goberno encamiña a aprobación dos orzamentos cos acordos con PNV e ERC

Publicado o 24/11/2020 16:41

ERC alcanzou un preacordo co Goberno de Pedro Sánchez para “apoiar” os orzamentos de 2021. Nel, pactou a fin do control do gasto da Generalitat, segundo anunciou este martes o seu portavoz no Congreso dos Deputados, Gabriel Rufián.

O preacordo adiantado este martes forxouse nunha reunión definitiva coa ministra de Facenda María Jesús Montero, a portavoz socialista no Congreso Adriana Lastra e o portavoz adxunto do grupo Rafael Simancas, segundo indican fontes de ERC. "Non é un acordo pechado", advertiu Rufián. No seu partido sinalaron que "queda moito aínda" ata o acordo definitivo. O preacordo debe ser ademais ratificado polos órganos internos o partido, que o tratará mañá na súa Executiva.

Rufián deu por liquidado o control financeiro do gasto catalán, imposto polo Goberno de Mariano Rajoy en 2015 e en 2017, que fiscaliza desde aquela os pagamentos efectuados pola Generalitat. Rufián espera que esta supervisión termine a partir do 14 de febreiro, co novo Govern que saia das urnas.

O portavoz de ERC asegurou que coa "fin do 155 financeiro" “acaba a tutela” e o “abuso austericida, inxusto e ideolóxico" sobre as contas da Generalitat, e liberaranse ferramentas sociais para o futuro Goberno catalán.

O partido independentista catalán pactou ademais a ampliación da moratoria ao pagamento de cotizacións de autónomos ata marzo de 2021 e un comité bilateral para unha reforma fiscal "xusta e progresiva". Tamén acordaron a creación dun grupo de traballo específico para a reforma do imposto a grandes fortunas e para acabar co “dumping fiscal”, en concreto co que o deputado tachou de “paraíso fiscal de facto” montado pola “dereita” en Madrid.

Cs negociará para que non frutifique o acordo con ERC

Cs seguirá negociando os orzamentos ata o final e traballará para que non se consuma o preacordo que o Goberno asinou con ERC, asegurou o portavoz adxunto do partido laranxa, Edmundo Bal, quen insistiu en que as dúas vías seguen sendo incompatibles. Puxo ademais en valor a emenda transaccional asinada co grupo socialista para poñer en marcha a tarxeta única sanitaria en todo o país e asegurou que as principais liñas de Cs superaron "a fase do veto do Executivo".

O PNV dá o "si" aos orzamentos

O PNV votará a favor dos orzamentos, segundo confirmou o seu portavoz, Aitor Esteban, tras chegar a un acordo co Goberno, que este martes se materializou con novos investimentos en investigación e desenvolvemento ou a transferencia dos terreos dos cuarteis de Loyola, en San Sebastián.

Anunciouno Esteban no Congreso, onde explicou que ata hoxe mesmo estiveron negociando novas medidas que fixeron posible o voto favorable dos nacionalistas vascos ás contas de 2021. O apoio supón, ademais, que o PNV votará en contra das emendas do PP, segundo sinalaron fontes do partido. "Nós negociamos co Goberno, non lle vaiamos facer un sete ao orzamento", dixo Esteban, que, doutra banda, insistiu en que eles non puxeron ningún veto a ninguén para entrar na negociación, ao referirse a EH Bildu.

Das 85 emendas que rexistrou o PNV, o Goberno aceptou máis ou menos a metade, afirmou, e destacou tamén as emendas destinadas a un maior investimento en I+D+i no ámbito universitario e empresarial, o impulso da enerxía eólica mariña ou o dos centros tecnolóxicos. 

Noticias web

24/11/2020