CRTVG

Buscar

ERC ameaza con suspender as negociacións co PSOE, molestos con Sánchez

Publicado o 05/12/2019 09:15

Esquerra Republicana exhibe malestar tras as declaracións onte, en Londres, do presidente do Goberno en funcións, situando as conversas para a investidura no marco da Constitución española. Mesmo hai fontes que afirman que os independentistas barallaron suspender a reunión do martes que ven, aínda que finalmente reafirmaron o seu compromiso co diálogo.

As declaracións de Pedro Sánchez onte en Londres causaron malestar nalgúns sectores da Esquerra Republicana, que interpretan que o presidente do Goberno en funcións rompeu o marco de discreción no que se desenvolven as conversas. Sánchez dixo que as conversas con ERC están encamiñadas a acabar co desbloqueo, unha vez que PP e Cs se desentenderon por completo de formar goberno. Pero engadiu: "Podo garantirlles que os acordos estarán dentro do marco da legalidade e serán públicos". Esquerra interpretou estas palabras como unha forma de presión e, tras o comunicado optimista do martes, rebaixou de novo as expectativas de acordo.

José Luis Ábalos, o Secretario de Organización do PSOE, e que forma parte do equipo negociador incidiu nos puntos de achegamento, que pasan por recoñecer o conflito político e a necesidade de encaralo. "A veces o obvio neste país constitúe un escándalo, pero é o máis razoable", lamentou.

Tras as noticias sobre a visita a Junqueras dos lideres do UXT e CC.OO, que piden un goberno progresista, o presidente da CEOE declara hoxe nun xornal que os empresarios asumen xa a alianza con Podemos, pero piden moderación na suba de impostos e que non se derrogue por completo unha reforma laboral que, segundo a patronal, está funcionando.

A ministra de Economía volvía desmentir que houbese ningunha reticencia á coalición de esquerdas na Unión Europea. Nadia Calviño volveu apremar coa necesidade de constituír un goberno estable para, dixo, aplicar as mesmas políticas económicas dos últimos 18 meses.

Onte houbo encontro dos equipos negociadores do PSOE con Junts per Cataluña. Laura Borrás informaba á saída que se emprazaron para seguir falando. 

 







 

Noticias web

05/12/2019